de Lumes

Ismael Ramos

Retrato de miña nai cun pexego

I.

Miña nai refrega un pexego pola coxa. Hai un rastro de cor. Non porque a carne sexa branca, mais porque podrece a froita.
Miña irmá escribe sobre como as mulleres romanas se maquillaban empregando froita podre. Di que é incrible. O que quere dicir é que lle dá asco.
 

II.

Miña nai arrastra un pexego pola coxa. Sentada, non hai dirección. O xesto non ten función ningunha. Por iso é o xesto do poema. Só mancha, recende, pon de relevo a nudez de todo o demais.
Eu miro apoiado non marco da porta.
 

III.

Unha pel roza outra pel. Rompe, mancha. Esvara antes de chegar á semente. Desfaise.
E non hai voo nin ferida.
Se eu miro, o xesto é cotián. Tamén o poema. O pexego ten o tamaño do puño de miña nai.
 


A escuridade

Quero contemplar a dor de todos eles ao mesmo tempo.
Coma os distintos reflexos de luz sobre unha parede de azulexos.
Coma lumes. Sós e brillantes.
  


Todas as orfandades de meu pai

I. A dúbida

Na infesta as árboles ferven en néboa. Non hai caída senón suspensión. O coche en silencio.
Temos que decidir entre os tres se os nenos poden ver ou non como se sepulta un corpo.
Hoxe a túa palabra prevalecerá por enriba de toda vontade e coñecemento. Hoxe os teus ollos son os únicos inocentes.
En novembro non hai caída senón suspensión.
Os tres levamos zapatos novos, non a todos nos magoan.
 

*

Cando paramos, a chuvia soa como as interferencias suaves dun televisor. Mamá baixa.
Movementos mudos coas mans.
Limpaparabrisas.
 

II. O paxaro

Non debemos rir, pero río. A ninguén lle parece mal.
Hai un paxaro batendo contra a ventá do tanatorio, dime o tío Emilio. Leva alí toda a mañá.
El ultimamente ve documentais. Falamos tamén sobre as migracións dos elefantes. Dígolle que procuro non tomar decisións e aínda así avanzo. Digo que me recordas a un salmón, papá.
Non eu nin o tío Emilio cremos en Deus.
O paxaro insiste.


III. O rosario

Todas versións dunha mesma muller.
Engurra, pelo curto, chaqueta grosa, pescozo cuberto. As solas molladas dos seus zapatos sepáranse do chan, levitan.
O canto está desfeito. Unha lingua de auga e de po.
Van consolar o noso sangue, papá. Queren que quedemos durmidos.
Alguén tose con vergonza. Érguese o peito das mulleres do fondo.
Este é un exercicio de flexibilidade y de memoria. Unha lingua de auga e de po. Imposible o pan.
Abre os ollos, papá. Imposible dicir branco.
E xa cara ao final, coma un tremor de paxaros.


IV. Unha homenaxe

Achégome ao cristal e sobre o rostro inchado busco as feridas de miña bisavoa, o lugar dentro dela que hai anos convocou a desesperación de agochar unha corda de esparto, sabendo mesmo que sería incapaz de se soster. Un pé detrás do outro.
Observo os dedos cruzados sobre o peito. A postura forzada.


*

A muller encérrase na casa coa morte o os seus brazos organizan a acción. A traxedia dá nome á muller.
A morte habítanos pola gorxa. Coma un son que ha de ser silencio ou un órgano que nace lonxe do corpo.
Escultura. Habitación. Lugar esquecido do vento.
Entón xa non podo pensar no cuarto de hospital. A imaxe do cansanzo. O meu bafo no cristal. Digo: déixame escoller para ti outra morte. Outra orfandade para meu pai. Algo que semelle cando menos unha homenaxe.