cando o cristal
soña
se-la burbulla incandescente
do metal vencido.
E soñar é a extrema tentación de confundirse.
Ó lombo dos cabalos
o monte baixa ás chairas.
Ó pé do camiño unha árbore
contraluz
suspende o froito como un instante
se prende
flor de tempo.
O mundo é o segredo das cunchas.
de Paisaxes do baleiro (Edicións Xerais de Galicia, 1999)
Creo na esperanza
que redime o presente de ser pasado.
Non cabe
esta flor salgada
no meu peito.
Miña nai chora ou ri
coma un río,
e sálvame.
Eu son nena
e ben sabe ela
que o mar
nunca desemboca,
anega.
Un día chegas a esta extensión
da mirada.
Non sabes de onde vés porque non vés
dun lugar.
Traíate o tempo como o vento trae
o oportuno azar.
Estás aquí
xa para sempre
anel de olvido ou de memoria.
Pero, imposible
non ser luz e a súa cicatriz.
de A luz e as súas cicatrices (Sociedad de Cultura Valle-Inclán, 2005)
E puxéronche un nome
ao que agarrarse a existencia
como unha hedra a percorrer
un baleiro de cristal.
A luz
é unha bolboreta
que nos teus ollos
se abre e se pecha.
É o mel
que nas súas cámaras
secretas e ás escuras
fan as flores e as abellas.
É a voz
que disipa as brétemas
do medo e fai brincar
de alegría o corazón.
É o vento
que vén máis aló do mar
e súbito lle abre a porta
á laranxa e ao limón.
É o anel
do tempo nos teus dedos
a tecer un soño nos espellos
como fan o sol e maila lúa
a tramar a noite e mailo día.
Nai,
parten as naves e hei de ir
ata que os dedos do soño cesen
de tecer as augas.
Baixo até o río
e no fondo da súa transparencia
miro os cantos dispostos
en azaroso orde apenas removidos
e convocados polo íntimo fulgor
da corrente.
Aparentemente inconexas as brunidas pedras
viven
a súa existencia profunda
cada unha
abrigando un peixe ou unha ausencia.
E pregúntome
se haberá alguén capaz de distinguilas
a todas pola verdade do seu nome:
Poderiamos entón descifrar
que di a auga,
que di o tempo.
En que parte do traxecto aniñaron
a túa preguiza e quen agora
se axeonlla a rezar por ti?
Somos a penas un bafo indeciso
na velocidade da luz.
Como poñer en pé e apropiármonos
dunha identidade tan estraña?
A quen recoñecen os meus dentes
cando morden esa estrela que levas na fronte?
A auga brinca entre as pedras
mais non lembra nada dunha fonte escura.
Fermosa
esta luz que acaba de chegar
a este instante libre aínda
de palabra, de pedra ou de azul
que o sinale.
Luz que tingue a nada
de inmensa transparencia.