de Welcome to Sing Sing

Elvira Ribeiro Tobío

Porta

A porta, ben se ve, é corredía. Ela corre por nós. Nós apenas ficamos con vontade de correr. O avance do seu desprazamento é directamente proporcional á intensidade do desexo. O desexo podería ser, un supoñer, o de correr polas corredoiras. Mais onde vai que non existen corredoiras neste mundo. As corredoiras só se dan nos soños dos incautos. Existen os corredores e, inevitabelmente, a vontade de correr. Corredores inzados. Con tantas portas como tigres. Cada un casado coa súa. Con cadansúa porta ou caranguexo. E nas corredoiras inexistentes, esas que medran co desexo, penduran amoras os días primeiros de setembro e o zume atópase nos dedos co sangue que na pel abillan as pugas das silveiras. Elas igualmente inzadas e sen portas. As corredoiras, de silveiras. Aquén da porta certo é que tamén o sangue prolifera con máis ímpeto que a herba. Algún chiando nas paredes. Agochado as máis das veces por dentro dos tecidos coma nunha homenaxe ao desvarío. Sangue estanco contrario ás correntadas. Esas que empece, poderías deducilo, a porta. A porta é unha cifra. Está a ollar para min cos seus non-ollos. A porta corredía vixía, por suposto, o dito estancamento. Así e todo non ten conta da vontade de correr por tras do ferro. Da intensidade do desexo. As vontades císcanse fóra do seu radio de acción. Son algo semellante a prófugas da porta. Tampouco sabe que nos adentros conspira un nó corredizo ou desenlace. Que non é a pesar da disfunción dos protocolos. Porque corre máis o pensamento, o corpo fica indemne por agora. E a monstruosidade da porta é pezoña atrincheirada nas pupilas. Alén desta, en sucesión, unha outra porta vai e escorrega. E outra máis nun percorrido que chama ás avesas polo tedio e ensancha o oco na cavidade da boca. Desafinado de ferros. Fereza de porta portaespectros. Mise en abyme de portas corredías. Mise en abyme elevada a innúmero expoñente. A porta parece que impele a escapulida. E o desexo de ser corredor de fondo arremete contra. Pero esnáfrase na tenacidade do metal. A porta vence. Se atravesas a porta, o vento empantana. A porta ábrese, pero son unhas fauces.





Cangrexo

Penso nas paisaxes abertas da sabana uruguaia, a foresta húmida con araucarias. Nas da Pampa, limitadas pola encosta do planalto, ou nas estepas de cereais, sen dúbida abertas, sen arboredo, cultivadas, a barbeito . . . Non se abre. Na hidráulica das canles abertas, canles erosionábeis que se socavan mais non se sedimentan, canles en pasto, tránsito de crecentes . . . Non se abre. Na voz materna, airada, botando a man aos manubrios todos e só anos máis tarde souben que viña sendo aquilo de seica es filla de porta aberta, coma min, como con certeza haberían ser as que xa non hei botar ao mundo. Non se abre. Penso nas pernas da miña nai, abertas no momento de parirme, abertas no momento de facerme, na porca aberta de arriba a baixo porque malparira e fixérase machorra, na porca de Bego toda aberta de pernas no autobús de camiño ao instituto, no seu tufo de feromona. Na ferida de Carlos na testa despois de caír da bicicleta, na testa aberta de Carlos, no nicho aberto o día que o pasearon en caixón da igrexa ao cemiterio. Non se abre. Nos días que abren tras días de ballón, na bévera que abre a súa tona xa andado outubro en San Martiño do Bolo, no suco que aínda abre a avoa para pór un eito de patacas e nas laranxas amargas que parten tras lanzarse ao precipicio sobre a rúa, os mexos dos cans e mais dos homes. Non se abre. En falar coma un libro aberto, en silencio, en falar coma un corpo aberto, con alguén dentro. En como o tío Fernando me ensinou a abrir as nécoras sen mancar os dedos, a abrir as centolas, as ostras crúas . . . a fechar a boca cando puña a man na miña braga de perlé e eu non a retiraba. Non se abre. E outra vez nas paisaxes abertas da sabana uruguaia, no tránsito das crecentes . . . Na boca e nas pupilas fixas que permanecen despois de que o coitelo atravesa algún órgano vital. Nas miñas pupilas fixas no cangrexo. E o cangrexo non se abre. O cangrexo non se abre. Non se abre.





Canguro

Podería agora mesmo saltar sobre as dunas no Deserto dos Pináculos. Ver o mundo ignorando a aridez e a proximidade do Mar de Coral, pois todo anhelo sería atravesar o largo da meseta para atinxir as planicies esteparias. Emprender a evasión do incendio. Non conmoverme aos pés do Uluru ou tocar a Terra de Arnhem. Esa sería a miña fe de vida. E, no entanto, non pertenzo a este marsupio. A opacidade ouvéame moi preto da pel. Son o enterramento de algo que naceu murcho de seu, e o ventre que me engole non me leva a ningunha pradaría nas terras do Leste. O ar está afundido, o corpo bate nas paredes coma unha cega abandonada no arrabalde. Nulidade da luz é a miña única fortuna. Así e todo, podería agora mesmo tentar unha achega ás beiras do Lake Eyre, apousentar a boca. Intentar aproveitar o arrebato do Monzón. Brincar entre as cabezas do Kata Tjuṯa sen máis porqué. Levar nas uñas memorias de arenita e de basalto ou un refacho da chaira de Nullarbor. Porén, unha gadoupa fende a razón sobre o aceiro. Un colapso de luz estrulla o ollo. O ar está afundido e máis aínda. Aínda o percorrido resolve fomentar máis unha arcada. Máis unha cambra no bulbo raquídeo en contra da certeza. Unha caída. Encóllome na bolsa do canguro e non hai peito que me aleite. Fóra, esa mesma violencia: nunca deixar de andar a tombos.





Tigre

Todo corpo ten morada a par do tigre. Todo tigre fede. Non coma unha fera, senón coma ferida vella no pescozo. Como feden os soños gangrenados ou o seme reseso no papel. O papel que acabará no estómago do tigre. O tigre de aluminio. O tigre de gres. O tigre de cemento-cola. O tigre cos seus ollos disimétricos turra de min para engulirme. Suplícolle voracidade ou que abandone os meus ósos nalgún punto dos pantanos de Bengala. Pídolle calquera outro imposible mentres destila o seu pranto de vómito e ouriños. E o espello do tigre recórtame as plumas de voo. As remeiras. As temoeiras. E cúspolle nos ollos por ver se ma devolve, se acontece algún prodixio, se é certo que devora. O tigre. O tigre de humedén. O tigre de lixivia. O xélido animal. Ás veces fede e o seu fedor colócanos a pancadas no corredor da vida. Todo corpo ten morada a par do tigre. Todo tigre fere.





Prolapso das 3:51 AM

Hai noites en que o desvelo ten o rostro dunha caída. Pasa que ergues a metade do corpo e os intestinos van parar ao chan. Toca entón aliarse co sixilo e ver de reparar o estrago no medio do páramo. Mais recoller as vísceras pide o seu tributo: cae a auga do vaso e orixínase o espellismo: sobre un corpo derramado precipítase unha chuvia de esterpas sen posibilidade de remisión. Víraste, as entrañas na esquerda, o vaso baleiro na dereita, e no piso xa aconteceu a derruba da carta de amor. De certo, a carta de amor tamén sucumbiu e botouse ao abismo. Non tes mans para asilar tanta palabra estrada ao teu redor. Palabras fracturadas e xa sen abrigo na carta. Que se esboroa. Irremediabelmente. E polas paredes ves que vai caendo o líquido viscoso deses días aos que lle saíron, coma se tal cousa, cairos. Vaise estendendo até tocar os pés espidos e leva consigo as cinzas da esperanza. Non, non son persistente nin teño medo. Apenas este desvelo tolle algo do aprendido. Se acaso a paz. Ela afundiu no váter a canda as cápsulas de ser dócil. Todo está fóra de control neste impreciso momento. Todo está fóra. Sumindo nas xuntas das baldosas, é así como conclúe a caída desta noite orfa de agarradoiras. Coándome pola regaña que separa a lousa 16 da 17. O corpo metido aí, nesa fisura, deslizándome na brecha peláxica. O oco. A buraca. A fosa.



 

Ethel

No cuarto de execucións da cadea de Sing Sing había un teléfono que conectaba directamente coa secretaría de xustiza.
Fai algo, Manny, fai o esforzo.
A cadeira non se adapta a un corpo tan pequeno.
Burn all reds.
O verdugo non mata a nosa convicción.
Lonxe de cumprir un papel feminino estereotipado.
O día que se deitou no chan da rúa 36 para bloquear os camións de reparto da compañía.
Un casco con eléctrodos e unha esponxa mollada na cabeza.
Obstinadamente a inocencia.
Unha familia obreira xudía.
Houbo unha explosión atómica en Rusia.
A acusación da muller podería ser a nosa baza.
Saberedes por que deixamos as cancións inacabadas.
O seu crime é peor que o asasinato.
Perseguindo fantasmas roxos.
Ir á universidade, cantar e actuar.
Old sparky coroando a escena.
Se Ruth di que mecanografaba as notas, daquela, mecanografaba as notas.
Até o punto de saírlle fume da cabeza.
Até tres descargas eléctricas.
Cinco, segundo outros.
Esta mañá parecía que podiamos estar xuntos de novo a pesar de todo.
Must die for their crime.
Despedida por organizar unha folga de 150 mulleres.
Lower East Side.
Deixan flores beira da parede do xardín das Tullerías.
Logo virán tamén por ela.
A nosa convicción derrota ao verdugo.
Wellwood, East Farmingdale, Suffolk, Long Island, New York.
Por que deixamos os libros sen ler.
Antes do ocaso do venres.
Que lixa de sangue todo un país.
Deixamos o traballo sen facer para descansar baixo a grama.
2.000 voltios por 8 segundos, baixando a 1000 por 20 segundos, para logo volver aos 2.000 por 8 segundos extra.
Death to the Communists Rats!
Fóra da Casa Branca grupos de manifestantes portaban pancartas que pedían.
E 8 segundos extra.
8 segundos extra.
8 segundos extra.
8 segundos extra.
8 segundos extra.
8 segundos extra.
8 segundos extra.
8 segundos extra.
Mais Ethel nunca soubera de nada.





Ethel (II)

Non mecanografaba cunha Remington.
Non deixaba as compañeiras expostas á intemperie.
Non escollín a cerreña que me cobre.
Non escribín versos como pranto de carpideira.
Non indican covardía os caraveis do vestido nin a leve inclinación de cabeza cara á dereita.
Non hai pano que enxugue esa falsidade.
Non é altiveza, é orgullo Lower East Side xerminado nese alcouve.
Non matei 50.000 soldados no lago de Changjing.
Non devece ningunha amante por un beixo agrilloado.
Non imaxines como se sente unha muller condenada ao mergullo na parte máis fonda do tremedal.
Non foi con resignación.
Non debedes chorar por sempre.
Non se cative a que poida ser libre.
Non oprimen as correas máis do que as carautas.
Non se abaixar ante a barbarie.
Non oprimen as cinchas máis do que a linguaxe.
Non había notas mecanografadas.
Non mecanografaba.
Non mecanografaba cunha Remington.
Non mecanografaba cunha fodida Remington.
Non omnis moriar,
ou poida que si,
que o faga a cada intre,
en todas as páxinas nas que o meu nome
arde.





Rapto de Europa

Os dezasete meses de Anna nas colas de Krestý
e a espera coma carriza seca nas mans, enquistada.
As acuarelas de Helga a uns quilómetros de Linz
e a derradeira portaxe sobre o Danubio.
Os mil oitocentos vinte e seis días de Esther en Rubstovsk
e a raíz do Ártico que non amorna unha campa de frieiras.
Os poemas de Ilse en Oświęcim
e mais unha manda de cantigas previas á cinza.
A estrela de Heda no gueto de Łódź
e a silueta da víbora reflectida nos ollos.
As dúas mil duascentas oito horas de Hannah en Gurs
e o vento de primavera no velódromo de inverno.
A cita de Brecht na cabeza de Lenka en Ruzyně
e aínda a humanidade que sosteñen os corpos.
O piano de Alice en Terezín
e os études de Chopin apropiándose dos arames.
O fillo de Ida canda ela en Rieucros
e os tres invernos de Dora, étrangère indésirable.
A memoria de Yevgenia en Butyrka
e a memoria de Yevgenia en Kolymá
e a memoria de Yevgenia en Magadán.
Os poemas na boca de Nadezhda,
os poemas de Osip na boca de Nadezhda
na fábrica soviética de provincias
e a soga,
a soga de Marina en Iebaluga.
A omnipotencia do raptor e a casa ardida.
E a boca ardida.
A boca tan ardida, pero sempre sediciosa.
. . .
E este deus asañado a mostrar os cairos desde a porta.





Any day now, any day now,
I shall be released.
Bob Dylan


Pensión completa
 
Porque en Sing Sing non só abundan as xeadas. Hai incluso luminosos días de pastoreo. Noites estreladas de bromuro baixo un cobertor de escolopendras. Híbridos de amor con algunha outra cousa innomeábel loitando contra o frío. E se as palabras abren sucos de ácido na carne sempre podemos aconchegarnos ao abdome dos arácnidos. Temos un ring soleado onde asollar cadansúas miserias de diario e lucir ousadía no combate. Un tendal escuro para o desexo tampouco falta. Que máis pode desexar un ser case humano? Unha pensión completa cuxo importe se conta en cicatrices.