Tres poemas de Un libre favor

Chus Pato

Vosoutras pedras, traédeme as palabras
sodes o alfoz da vida

traédeme a miga de pan
a que a lesma devora
e se confunde coa lama dos camiños
 
nada esperaba
en nada cría
 
era só a marabilla  de ser comanche e de vez
unha árbore
 
as follas de castiñeiro derredor da fronte
as trenzas longas cosidas con agullas de piñeiro
o vestido
 
como o cervo atravesa as vías
e preto e sobre a neve mira pasar o tren
 
así a voz
un cabalo
abebera nos espellos
e entre as patas garda
listas
as zapatillas de baile



Da aguia
dunha das súas ás

o óso
para a frauta
do pastor
 
o pico enterrado na carne
devóraa

ningunha interxección para o asombro
boca celada polos cinco dedos

dunha das ás
un óso

para a música



Francisco Cortegoso
in memoriam

A noite caía
e ti
que ata ese intre eras imperceptible
materializácheste
non te importaba a chuvia nin o outono nin o frío
non querías marchar

a túa beleza estaba navegada por un delta
as túas frases dicíalas devagar
como as de quen foi recrutado no 36
e descarga toda a metralla sobre si
 
partías o tempo como unha onda parte o mar

eras rapaz e servías ágapes
a túa casa era un val, de ollada moi ampla

as noites
salvaxes
 
eran brancas as verbas
populosas como as megalópoles da orbe 

¿é así
que o nome é infranqueable
e da súa contemplación ou teoría
florece unha escritura
franca
e nela flúe todo o que é nacido
 
que se espalla
sendo o seu cómaro un múltiple de nomes
ou nome
todos eles insensatos
sen posibilidade de lectura
mudos?

tal as pétalas na corola
así a fala derredor dos signos
 
por iso podías desatender
e preguntar polo do brión que medra en forma de estrela
ou alzar a vista
e dar coa diferente
a folla da sobreira

mira mira

como un coitelo de sílex
así a sombra
cando ningún dos cascos do cabalo
apaxa a terra
como o sexo dunha ninfa
o ventre da voz
 
así medrou a miña envexa sobre a morte

xuntos estivemos en Córdoba
eras unha pomba no peitoril da mañá
e en Nápoles
eras Sorrento e Capri e o Pausílipo
 
a noite foi un pano de seda
estenderon o mantel nun oasis
alí onde as ratas corren o tronco da palmeira
cara ao seu fogar
arriba
xunto os dátiles



Click here for Jay Miller’s review of The Face of the Quartzes by Chus Pato, translated by Erín Moure, from our Spring 2022 edition.