antes de discorrer o río, crebáronse as placas.
a miles de quilómetros, doutras quebras naceron
as montañas amarelas de Li Po e os bosques pétreos de Siberia.
logo apareceu a auga,
buscando, coma as raíces, as fracturas.
a néboa dos vales fluviais é diferente. crin que o sabías.
a néboa, nos vales fluviais, suspende os outonos e a resposta das
campás.
peta a feito á porta das casas,
e baixo o seu influxo, os homes-teixo descenden ás marxes do río
e construén escaleiras de Xacob para cultivar as vides.
se a flor da tarde cae aberta
as fillas dos homes entran no río. fan o morto nas beiras,
xogan a contar socalcos coa mirada ata que se trabucan; rin forte.
mira como brilla a lúa onda os pés delas,
tinguíndose mencía
mentres crecen.
(tócanse os dedos do bebé e vanse escondendo conforme
o río non arrastra nada que non sexa ouro,
auga bautismal e amigos. o río arrastra os reflexos de toda unha
lexión romana
consagrada á trepanación dun monte. o río arrastra os extremos
dos cigarros do meu avó
consagrado á trepanacion dun monte. tardei anos en decatarme
do paralelismo:
o pai de papá construía túneles
mentres lle nacía outro fillo.
non era abril, enxendrando lilas da terra morta.
igual que se desvía o leito do río
para buscar ouro no leito primixenio,
desvíanse os dedos que descobren a ferida
para curala. e
arrolín, arrolán.
arrolín,
arrolán.
Tríptico
óleo sobre tea, a avoa reproduce unha escena de Millet
a súa man dereita oscila tres veces,
sementando cristais de sal ante a inminencia da tormenta,
coma se a moeda do mar bastase par salvarnos. As nenas
obsérvanos desaparecer en contacto co ecemento do patio
e son xoias un fragmento de segundo, algo que sinalar cos
dedos mentres se perde.
a chuvia impide que os salmos se adhiran ás cativas
e a man que foi péndulo volve á cadeira; coma a caléndula, sabe repregarse.
cando se planta un bonsai disponse fóra do centro para facer
espazo ao divino:
así ela, conxurando o mal
desde un vértice.
óleo sobre madeira, o pai di
que recrutar é unha arte.
garda moitas cousas para si: a hora en que a neve azulea sobre a
orografía suíza, o primeiro dente da filla, o estalido do óso
do peito.
garda silencio. nunca plantaría un bonsai.
Sabe despegar a sombra
do corpo
dos paxaros.
acrílico sobre papel, a filla repite
simila similiabus curantur mentres atravesa o patio. cando
naceu, penduráronlle unhas cornas de vacaloura no pulso.
un cento de quilómetros ao oeste, os mariñeiros recollen
estrelamares para fertilizar a terra. ela descoñéceo.
imprudente,
colócase no centro e alza a vista, para capturar o brillo que foi
da Vía Láctea.
wing chun, do amor como arte marcial (wing chun: on love as a martial art)
e todo aquilo que medra tan rápido como a herba sobre a tumba dun paxaro
falar diso,
do que nos permitimos o luxo de non entender literalmente.
se a luz pode empurrar unha nave espacial
aínda te preguntas quen sairá gañando?
dúas amigas conversan na mesa dun bar a primeira hora.
unha delas repasa a liña das pestanas coa xema do dedo índice,
parece realmente afectada
(as súas palabras conforman unha mastaba na mente da outra
un recinto dourado
—con razón mastaba provén do árabe ‘faladoiro’, que atesoura á súa vez restos do grego antigo stibás, ‘leito de herba’—
dáballe leite de egua e curáballe as chagas con pó de violetas,
pensa a que escoita,
como acontece nas lendas andinas
coma se a efectividade dos remedios se medise pola estrañeza que provocan)
agochada nun bosque mentres medita, Ng Mui espreita unha
serpe pelexar cun grou. direccionalidade fronte a
equilibrio, un esplendor de órbitas e esveltezas, dous
versos de metro desigual encabalgando na boca de quen
recita.
Ng Mui observa e memoriza os movementos,
a arte.
non hai ordenación que valla no mundo
se atendemos ao seu relato, a amiga que fala tamén persevera no contacto.
fai súa a técnica do oponente,
simultanea defensa e ataque,
non arremete contra puntos vitais, pero si contra aqueles que desarman o movemento
por vir
detrás das palabras, músculos
incandescencia
wing chun, ‘eterno canto de primavera’
a que escoita non sabe se a amiga aprendeu máis do grou ou da serpe.
a que escoita pregúntase que amuleto exipcio viría ao caso
(se os peixes de cerámica turquesa protexían á portadora de morrer afogada no 1335 a.C., que serviría aquí?)
de xeito subcutáneo,
a mañá avanza coma o veleno expulsado grazas ao peche das mandíbulas
unha trabada de serpe
pouco importa:
permanecen, sen tocarse, unidas no asombro
como as marcas paralelas dos cabeiros na carne da vítima.