Poemas d'Os hemisferios
María do Cebreiro
Neptuno
—UNHA vez intentei bicar unha canción,
non se apartou, seguiu soando
até o último compás.
—Falas en serio? Cos poetas
nunca se sabe. Sodes idealistas.
—Crees que podo deixalo?
—Poderías pensar antes de abrir a boca.
(Aquela tarde, no café, estivo a punto de pedirlle:
abre os ollos, agora entraría neles,
aguantaría a respiración.
—Cantos segundos?
—Todos.
—Deberías ter coidado. Cando baixan
os buzos poden perder
a conciencia. Ás veces déixanse ir
até o fondo. —Como se o pracer
fose máis forte que a vida?
—Acarician as oucas. Non regresan.
—A vida é un instinto?
—A vida é o que temos.)
—Se me miras con tanta atención
acabarei por pensar que podes entrar.
(Viven en parella. Non son parella.
Tampouco son exactamente amigos.)
—Coñecín un rapaz. Ás veces
falabamos, un día dei a volta.
Se nos volveramos atopar
creo que non o recoñecería.
—Pasou algo entre vós?
—Queres dicir se nos deitamos xuntos?
—Si. Estou imaxinando
a súa man entre as túas pernas.
—O máis curioso é que non o facía
para que me abrise.
Dicía que non podía durmir.
—Hai moitos anos?
En realidade foron tres noites.
Non buscaba tesouros. Era tímido.
(Teñen pai. Tampouco son irmáns.)
—Ás veces penso: aíndo que o repetise
un cento de veces
seguirías sen entender nada.
—Para iso falas, para que non te entenda?
—En realidade falo para que sigas aí.
(Sae á rúa, abrocha a cremalleira,
leva cascos. —A música gárdame do frío.
—E se te saúda alguén e non o escoitas?
—Hai dúas velocidades:
a da voz e a do silencio)
—Incendiaches algún contenedor?
Pintaches algún muro?
Rompiches algunha cabina telefónica?
—Ás veces moléstame que non respectes as pausas.
—E a ti impórtache que te meta nos poemas?
—Se estou contigo non.
Deixaríase ir. (Deixaríase ir.)
Mercurio
ANTES de ser sorprendidos abriron as mans,
deixaron caer a rede, por unha vez alleos
ao metal. Non había terceiros,
apenas a sensación
de que comezaban a coñecerse
por dentro. —Cambiemos de tema.
Pensas que cando a chuvia pare
seremos outros?
—E ti, que imaxe escollerías
para sempre? Xa sabes o que contan,
que ves pasar a vida
e aparecen imaxes que gardabas
sen sabelo. A non ser
que sexa posible escoller algunha,
como cando ampliamos unha foto.
(Córtase. Seguen algo máis tarde.)
—Ti serías dos que provocan o incendio.
Eu intentaría facer unha fogueira pequena
e despois estenderíase.
—Nos dous casos o lume
empeza sendo controlado, que importan
os erros de cálculo, a intención
é o que conta.
—Non sei quen dixo que non te podes fiar
das persoas que sempre levan soltos
os cordóns dos zapatos.
—Mentres te escoito vexo
a roupa da cama, suave
canto máis gasta.
Era iso o que querías dicir
cando falabas dos uniformes de traballo?
Ultimamente, xa o sabes, penso moito
nos erros. Será certo que ás veces
lemos para non ver?
—Depende do que leas. Que estás lendo?
—Non, por unha vez prefiro
falar de fóra, en serio. Dime,
en que momento quixeches
prescindir da ironía?
Case todo se pode aprender,
en cambio que difícil é esquecer
algunhas cousas.
—Creo que non se trata de esquecer as cousas,
senón de mudar os hábitos.
O uso que fai suave a túa cama
rompe a miña roupa de traballo.
—Perdoa, eu só quería
achegarme a algunhas palabras
que nunca souben dicir.
—"Liberalas da consciencia
para que poidan ocupar os corpos".
Máis valería non perder o tempo
na túa mente, na miña boca.
(Os dous están pensando nas palabras
"industria", "sindicatos")
—Estar no mundo, volver á realidade, iso
non significa amar os feitos. Significa traballar
para que outros feitos sexan posibles.
—Non, creo que sobre todo significa
pensar cos outros, traballar cos outros.
—E iso, diante do ordenador, como se fai?
—Refíreste á intención. (Aquí detense.)
Para iso fai falta unha valentía máis grande
que o silencio.
(Son moitas as cousas que deixan por dicir.
Na rúa os coches pasan. As luces da cidade
comezan a escurecer a conversa
lentamente.)
Xúpiter
(DESPOIS de todo, non era tan intelixente
como dicían os tests.)
—Só se pode medir o que non nos importa
—Fala por ti. —Non podo.
Atopáronse ao lado do cine, nun 24 horas.
El aínda non ceara.
—Había alguén na casa agardando por vós?
(Esta vez non lle gusta que el evoque o contexto.)
—El tiña présa e eu sono.
Levabamos fóra todo o día.
—Dixeches que che caía mal.
—Dixen que era difícil.
Para escoitala ben é necesario
interrompela.
Ás veces pecha os ollos.
—Sedúcete a dificultade?
—Sedúceme a distancia.
Para falar con ela hai que esperar.
Encántalle que lle fagan
preguntas.
—Como estás? —Agobiada.
—Cando te agobias saes?
—Cando me agobio escapo.
—Vas ao cine ou ao super?
—Non fago a compra, miro.
—Do super gústache a luz.
—Vou á sesión das once.
A escuras é capaz de deixar que a pantalla borre
todas as cousas. Sae antes de que poñan
os títulos de crédito.
—Acompáñasme ao caixeiro?
Élle difícil non reparar
no mecanismo, a tarxeta pasa
a través da fenda
case sen tocala. Pregúntase
se lle deixará entrar con ela.
–Vés ou quedas?
Parece máis unha necesidade
que un sinal de confianza.
Cando os abrigos se tocan
el busca o seu rostro na cámera.
—Que son eu para ti?
—Podemos evitar ese rexistro?
Mentres teclea, ela di algo moi ofensivo,
algo que sería pouco apropiado repetir
agora. Faino só por medir a distancia, porque pode.
A máquina é fiable, segue dando instrucións
até que sae o papel.
—Queres ver? Teño ingresos, teño
un nome composto.
Aguántalle a mirada.
—Queres que cho dedique
pola parte de atrás?
—Dedícamo por encima
dos números.
Agarda a que lle chegue a inspiración.
—Prométeme que non o lerás antes de entrar na casa:
"e penso que algún día non poderás evitar cagarte en
dios en verso, e volverás á poesía que escribías de máis
nova, esa que nunca lle ensinaches a ninguén e que nin
tan sequera resultaba formalmente indigna de ti".
Venus
O LIBRO non ten sexo. O libro é unha árbore.
Ela era como o xeo de mañá.
El levaba un anel no dedo máis pequeno.
—Non te quero fundir,
só quero ver a herba
debaixo do teu corpo.
E se temos ideas
é porque virá o xeo rescatalas.
—Que feito parte en dous a nosa historia
se non temos historia,
só este verso?
—Case non lembro a infancia.
Vou quedando durmido.
A cabeza pequena, sobre a mesa,
mentres os demais falan.
—Era a lingua dos mortos,
a lingua dos teus mortos?
—Non, e baixou a vista.
—Era a lingua da escola,
era a lingua das máquinas.
Íntimo é unha palabra que se aplica
ao que está moi adentro.
—Os poemas que gardo son os que non se pechan.
—Ou os que non se abren?
—Busco a lingua perdida,
a que me precedeu.
—Se escribo ocupo o espazo.
—Igual que os astronautas?
—Case igual, case igual,
pero sen a bandeira.
Sen cravala no chan,
sen erguela do chan.
—Nin a que leva un río
atravesado?
—Nin a do fondo negro.
Ao ler trémelle a voz.
Ao escoitar verte o viño sobre a mesa.
A vibración é o ritmo do desexo.